Sunday 05 de May de 2024

A rapazada de San Sadurniño reivindica os seus dereitos


As nenas e nenos de San Sadurniño foron onte e máis hoxe protagonistas do Día Internacional da Infancia por dous motivos. O primeiro por tratarse dunha data dedicada á reivindicación dos seus dereitos. E o segundo porque foron elas e eles quen protagonizaron as dúas accións que contaron con colaboración municipal, unha desenvolvida onte pola mañá en Lamas pola Asociación Cultural Brío e a Área de Igualdade, e a outra esta mesma mañá na escola infantil municipal.

Brío preparou en Lamas un obradoiro chamado “Pintamos os nosos dereitos” no que a Axente de Igualdade Oriana López lles leu ás crianzas o conto dos dereitos infantís dos Bolechas, co obxectivo de explicarlles ás nenas e nenos que todas teñen os mesmos dereitos que as xente adulta, ademais do dereito a recibiren educación e a medrar coa protección e os medios que garantan o seu desenvolvemento como persoas.

Para fixar ben o aprendido cos Bolechas, as pequenas e pequenos pintaron unhas bandeirolas con cada dereito, que desde hoxe decoran a entrada principal da Casa do Concello. Tamén pintaron e recurtaron unhas flores de cartolina -escritas igualmente cos dereitos infantís- que neste caso levaron para a casa.

Doutra banda, hoxe na Rolada celebraron o 20 de Novembro acolléndose á iniciativa do “Día do pixama” da Asociación Estatal de Acogimiento Familiar (ASEAF). As crianzas foron hoxe á EIM coa roupa de durmir para representar a calidez do fogar e, a partir de aí, traballar coas mestras en conceptos como o dereito da infancia á protección e, en especial, o de formar parte dunha familia.

Temas que, dada a curta idade das nenas e nenos, se lles trasladaron con contos e xogos nos que tamén se tocaron de maneira transversal outros dereitos da infancia.

Ademais, igual que fixo a rapazada de Brío, as familias e mestras da Rolada tamén pintaron mans de cores que desde hoxe enchen a galería da escola infantil.